sábado, 17 de marzo de 2012

407

ano do consulado de Honorio e Teodosio.

en Britannia Graciano (para Orosio pertencería á aristocracia local) é deposto e asasinado.
Un tal Constantino é inmediatamente proclamando augustus. Seica é un soldado raso, non un oficial, pero sería decisivo o seu nome, que convocaría bos augurios. A presenxa de bárbaros en Belgica II é a causa inmediata do seu paso a Gallia (primeiro paso cara a evacuación romana de Britannia). Pero os seus obxectivos serían máis persoais. Desexaba ser recoñecido como augustus lexítimo e fundar unha dinastía. Un dos seus fillos foi chamado dun mosteiro e casou, para producir herdeiros. Tanto el coma seu irmán foron rebautizados, Constante e Xulián, respectivamente, o que tamén testemuña as ambicións dinásticas.
a adopción da propaganda constantiniana, especialmente querida na milicia romana en Britannia, é significativa. A utilización da liñaxe e da continuidade dinástica ao facerse chamar Flavius Claudius Constantino, é obvia. O seu uso non dependía de que a xente o crera como certo.
os plans de cruce ao continente foron inmediatos, ben para loitar cos bárbaros ou para asegurarse unha base máis firme para a súa usurpación. Antes de marchar nomeou magister militum a Justinus e Nebiogast, e logo cruzo ata Bononia. Non atopou resistencias imperiais. As tropas de Gallia e das quinque provinciae uníronse a el antes de que avanzara e os gobernadores de Hispania tamén o fixeron.
Arelate

o avance de Constantino dende Bononia pode ser rastrexado seguindo a fuxida dos funcionarios imperiais. O epitafio de Eventius, en Roma, mostra que Constantino pasara pola Lugdunensis e a zona de Vienne antes de xullo. Eventius fora consularis da Viennensis e morrera en Roma en xullo ou agosto, probablemente logo de fuxir. Outros funcionarios tamén o tiñan feito, coma o prefecto pretoriano Limenius e o magister militum Chariobaudes. Constantino dirixíase a Italia pero o seu obxectivo inmediato era Arelate, a cidade máis importante do sur, das quinque provinciae e o lugar ao que se trasladara a prefectura de Gallia. Non o fixo sen oposición.
Sarus, o xeral godo ao servizo imperial, fixo fronte a Constantino en Valentia, no val do Ródano, a medio camiño entre Vienne e Arlés. Justinus, o xeral de Constantino, avanzara contra Sarus pero foi derrotado e morto, co que o godo cercou a Constantino en Valentia. O outro magister de Constantino, Nebiogast, entablou negociacións con Sarus. De Zósimo non podemos deducir se o fixo así no seu beneficio ou no do seu emperador. Ou quería negociar un fin de hostilidades co obxectivo do recoñecemento de Constantino como augustus lexítimo, ou tiña intención de traizoalo ao xeral de Honorio.
inda que se asume que Nebiogast defendía Valentia, isto tampouco está claro e non era o caso probablemente. Constantino avanzara en Gallia, separado e quizás un pouco atrás dos seus magistri. Co avance de Sarus, o exército de Justinus plantara cara. O de Nebiogast mantivérase en reserva, mentres o propio Constantino tomaba posicións en Valentia. Con Justinus derrotado, Nebiogast contemplou.
Sarus asasinou a Nebiogast na primeira ocasión que tivo. Constantino reaccionou nomeando novos magistri, Gerontius e Edobich, cuxa chegada puxo en fuga a Sarus, só sete días despois de iniciar o sitio de Valentia. Non está claro se foi agora cando fuxiu Limenius ou xa o tiña feito antes.
a finais de ano (quizás xa en maio), polo tanto, Constantino xa estaba en posesión de toda Gallia, incluída Arelate. Agora nomea ao seu fillo Constante caesar e envíao a Hispania co magister militum Gerontius, o praefectus praetorium Apollinaris e o magister officiorum Decimius Rusticus.

revoltas de campesiños en Armorica.

1 abril: tremor de terra en Constantinopla (Chronicon Paschale).

Alarico demandaría unha enorme compensación polos plans non realizados sobre a posposta invasión de Illyria.

a familia de Teodosio en Hispania rexeita a autoridade de Constantino III, a pesar de que os seus maxistrados tiveran boa acollida; o cal non debería sorprender porque durante todo o s. IV todas as usurpacións en Gallia tamén tiveran boa acollida en Hispania.
coñecemos a catro parentes de Honorio: Didymus, Verinianus, Theodosiolus e Lagodius. Os dous últimos semellan concordar coa nova autoridade; os outros, sen embargo, e a pesar de estar enfrontados, reconcílianse e constitúen un exército entre os seu dependentes para facer fronte a Constantino. Constante derrótaos e captúraos e lévaos ante seu pai, que ordea a súa execución.
Hispania non posuía unha forza militar de seu, por iso non houbo nin quen os detivera na formación do exército entre os seus escravos e dependentes e que houbera que enviar un exército para detelos.
a expedición a Hispania debeu sair a finais de ano, co cal os irmáns tiveran case un ano para facerse fortes. O lugar onde o fixeron é difícil de precisar. Sábese que houbo dúas batallas, a primeira vitoriosa para os hispanos, e a segunda unha derrota total.
Sozomeno (e polo tanto Olympiodorus) sitúa ambas en Lusitania. Orosio, pola contra, afirma que os irmáns fixéronse fortes no Pirineos, pero non localiza o sitio da segunda batalla. Engade, sen embargo, o detalle de que os irmáns cruzaran a península sen oposición de ningún tipo. Este detalle cadra ben coa base de poder lusitana dos irmáns e coa presumible incapacidade dos oficiais hispanos de Constantino de deter o seu avance. Sen embargo, non é posible estar certos xa que calquera solución supón descartar partes de ou Orosio ou Sozomeno. Quizás o dos Pirineos foron simplemente escaramuzas e a única batalla real foi en Lusitania.
Constante quizás quedara na retaguarda en Caesaraugusta, cidade que logo foi a súa residencia oficial. Que Apollinairs fora enviado a Hispania coma prefecto é curioso. A prefectura occidental tivera sé en Gallia durante máis de medio século. Habería dúas explicacións. Quizás Constantino pretendía revivir a praxe constantiniana pola que cada emperador tiña o seu propio prefecto. Por outra band, e isto é o máis probable, pode ter sentido que Constante sería incapaz de exercer sen axuda, tanto no eido civil coma no militar.
Gerontius, a quen Constante trouxera coma comes e magister militum, será quen dirixa as operacións militares.
Didymus e Verinianus foron capturados no segundo intento e, en vista disto, Lagodius e Theodosiolus fuxiron, o primeiro a Constantinopla e o segundo a Ravenna. Constante permitiu que tropas súas saquearan os campi pallentini, presumiblemente a rexión de Palantia. Son os honoriaci. Constante déixaos en Hispania ao mando de Gerontius. Tamén deixa a súa muller na corte de Caesaraugusta, escoltando en persoa os prisioneiros ata Arelate.

mentres, Constantino simplemente esperaría acontecementos en Arelate. Quizás agora tería empezado a beber e comer desproporcionadamente, feito polo que o censura Frigeridus. Empeza, en todo caso, a facer ostentación da súa lexitimidade e moedas da ceca de Lugdunum proclaman a concordia dos catro augusti (Arcadius, Honorius, Teodosio e Constantino).

o goberno de Honorio non aceptaba este feito. Estilicón aconsellara dende o inicio resistencia e rexeitamento e logo do fracaso de Sarus, e con Alarico baixo certo control, empezou a reunir un exército para envialo contra o usurpador. Sería esta forza, en Ticinum, a que se rebelaría en 408.

Estilicón, moi consciente da súa posición cada vez máis cuestionada, e co consello de Serena, casa a súa segunda filla, Thermantia, con Honorio para tentar contrarrestar este feito.
unha lei sinala que os edificios (aedificia ipsa templorum) que se atopen nas cidades ou nos oppida o fóra destes, é decir, no territorio, sexan aproveitados para uso público (ad usum publicum vindicentur). Na mesma lei ordénase destruír altares e que os templos se usen para outros menesteres (ad usu adcommodos transferantur) e que os templos que se atopen nas domus privadas (en villae, por exemplo) sexan destruídos, xa que non son de función ou utilidade pública coma os das cidades.

Liu Bobo (Xia Buliedi) funda o estado de Xia e toma o título de tian wang (príncipe celestial).

Ningún comentario:

Publicar un comentario